A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, mantivo este xoves un encontro con representantes da Asociación de Hosteleros Empresarios de Pontevedra (Hoempo) na que abordaron a implantación das medidas implantadas no sector para cortar a transmisión da Covid-19.
Coa presenza da directora provincial do SEPE en Pontevedra, Marta Estrada, a reunión serviu para explicar por parte da subdelegada a preocupante situación sanitaria actual, segundo se expuxo no consello interterritorial por parte das comunidades autónomas.
"O lecer nocturno foi a orixe dos brotes epidémicos con maior número de casos asociados, unha media de 31, e ademais foron estes brotes a orixe dunha gran parte da transmisión comunitaria actual", trasladóuselles aos representantes do sector.
Neste sentido, a subdelegada xustificou a decisión, tomada de forma conxunta por parte do Goberno e as comunidades autónomas, de pechar estes locais e limitar o horario da hostelería.
A pesar diso, Larriba quixo agradecer aos hostaleiros da provincia de Pontevedra "o seu comportamento exemplar" e valora "o acatamento destas medidas que supoñen un grande esforzo para o sector".
Doutra banda, recordou aos hostaleiros as medidas de axuda lanzadas polo Goberno para as empresas máis afectadas pola crise económica da pandemia que pasan, principalmente, pola solicitude de créditos ICO ou acollerse a Expedientes de Regulación Temporal de Emprego, mecanismo que está agora en fase de estudo para ser prorrogados.