O local para acoller o futuro Centro de Día público será recepcionado en outubro

Marín
29 de setembro 2022

A alcaldesa María Ramallo, acompañada doutros membros do goberno local de Marín, realizaba este xoves unha visita ás instalacións que acollerán o Centro de Día público que se habilitará no primeiro andar da antiga Casa do Mar

Local na Casa do Mar que acollerá o Centro de Día público de Marín
Local na Casa do Mar que acollerá o Centro de Día público de Marín / Concello de Marín

María Ramallo, alcaldesa de Marín, visitaba este xoves con outros integrantes do goberno local as instalacións que acollerán o futuro Centro de Día de carácter público, previsto para o primeiro andar da antiga Casa do Mar, situada no centro da vila.

Segundo indican desde o Concello de Marín, a rehabilitación deste espazo atópase practicamente finalizada. Por este motivo, esperan que nos próximos días o Concello poida recibir a obra.

O seguinte paso, que tamén está previsto que se execute en breve, será licitar a contratación do mobiliario para este Centro de Día coa intención de que as empresas interesadas presenten as súas ofertas.

Ramallo indicou que se espera que a finais de ano o centro xa conte con todo o mobiliario. A dotación, do mesmo xeito que a obra, conta co financiamento da Xunta de Galicia e do propio Concello marinense.