Nun ano marcado pola pandemia os restaurantes pontevedreses volven a brilla nos Soles Repsol, distinción gastronómica que outorga a Guía Repsol e á que accederon case un cento de novos restaurantes (96).
Entre eles atópase un cociñeiro da comarca, Iago Pazos e o seu O Loxe Mareiro, local situado no lugar de Carril, en Vilagarcía de Arousa.
"O Sol é a cualificación que distingue a aquelas cociñas que destacan pola calidade dos produtos e unha elaboración excepcional, sitios dos que salgues desexando volver, dos que compartes as fotos dos pratos cos amigos", sinala na súa explicación a Guía Repsol, que se basea no seu fallo nun "sistema de cualificación que incorpora a experiencia integral do cliente, o uso de produtos de proximidade e a capacidade técnica do equipo de sala xunto á esencial coherencia dos proxectos".
O Loxe Mareiro súmase así a O Eirado, en Pontevedra, na lista de locais con 1 Sol Repsol.
Ademais outros restaurantes da comarca renovaron as súas distincións, como son D'Berto no Grove e Pepe Vieira en Raxó con 2 Soles e Casa Solla en Poio e Culler de Pau no Grove con 3 Soles cada un, a máxima distinción.
Segundo sinalaron na presentación da guía, 53 inspectores conseguiron realizar as visitas previstas en todo o territorio nacional, a pesar das extraordinarias condicións vividas durante o 2020.