O goberno local de Marín púxose en contacto con establecementos de hostalería que instalan terrazas en espazos públicos da vila coa intención de ofrecerlles unha ampliación do espazo que habitualmente ocupaban.
Esta medida adóptase endoo en conta que posiblemente o luns 11 de maio, Galicia poida incorporarse á fase 1 da desescalada. Desta forma, o goberno de María Ramallo alerta aos locais que poderán ter dispoñibles o 50% das mesas para uso da clientela, tomando como referencia para o cálculo o número de unidades instaladas durante 2019.
Para solicitar a ampliación da terraza será necesario que os xerentes dos establecementos presenten unha solicitude formal a través do Rexistro municipal ou empregando a modalidade telemática da sede electrónica. No caso de que se presente polo Rexistro é preciso chamar previamente ao 986.880.300 para que lle asigne unha data e hora para presentar o documento.
As peticións serán avaliadas de forma conxunta polo equipo técnico do Concello e, segundo sinalan desde o goberno local, quérense reorganizar os espazos públicos e garantir o distanciamento social.
Estas medidas póñense en marcha a través do Plan de Reactivación Local do Concello de Marín co que o goberno local tenta desenvolver medidas económicas e sociais que permitan paliar o impacto da crise provocada pola pandemia.
Por este motivo inclúese unha exención total da taxa de ocupación de vía pública polas mesas e cadeiras que se instalen nas vías e prazas de Marín durante todo o ano 2020 e durante o 2021.