"O machaque ao pobo palestino aseméllase moito aos métodos de Hitler contra os xudeos"

Pontevedra
19 de novembro 2012

Así de contundente amosouse o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez. Foi un máis entre o cento de pontevedreses que se concentraron na Praza da Peregrina para expresar o seu respaldo ao pobo palestino e denunciar o novo e "intolerable" ataque de Israel á franxa de Gaza

Concentración do BNG en apoio ao pobo palestino
Concentración do BNG en apoio ao pobo palestino / Mónica Patxot

Paz e liberdade para Palestina. Gaza somos todos. Baixo este lema, un centenar de pontevedreses concentráronse na Praza da Peregrina para expresar o seu respaldo ao pobo palestino e denunciar o novo e "intolerable" ataque de Israel á franxa de Gaza. Organizada polo BNG, entre os seus asistentes, destacou a presenza do seu portavoz nacional, Guillerme Vázquez, quen cualificou como "patético" o papel da comunidade internacional neste conflito.

"Palestina está convertida nun auténtico campo de concentración que administra Israel ao seu antollo e o fai coa complicidade das potencias do mundo", afirmou Guillerme Vázquez, quen foi moito máis alá nas súas críticas. "Os métodos que están utilizando para ter machacado ao pobo palestino, aseméllanse moito aos métodos que Hitler utilizaba cos pobos xudeos. ÿ un constante machaque dun pobo que é absolutamente intolerable".

Tras esixir o recoñecemento inmediato a un estado palestino, o voceiro nacional do BNG, demandou a intervención da comunidade internacional. Criticou que, a diferenza doutras ocasións recentes, "non usen a forza para resolver problemas de tipo humanitario", aclarando con iso que "non pedimos que bombardeen Israel, senón que poñan fin a estes abusos".

Neste sentido, Vázquez afirmou que é "inaceptable" que Estados Unidos e o seu presidente, Barack Obama, do que recordou que é Premio Nobel da Paz, "por toda resposta" pida a Israel que se conteña, "vamos, mate usted un poco menos, no me sea tan bruto", ironizou. "E o goberno español seguindo a tónica, decindo o mesmo".

Ademais de Guillerme Vázquez, nesta concentración participaron ademais o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e varios membros da corporación municipal do BNG, o secretario comarcal de CIG, Rafael Iglesias, ou o alcalde de Poio, Luciano Sobral.