As fortes choivas e os ventos de ata 120 quilómetros por hora que se rexistran na zona de Terranova (Canadá) provocaron o atraso na chegada a terra dos tres sobreviventes do naufraxio do arrastreiro marinense Villa de Pitanxo.
Estaba previsto que o patrón Juan Padín, o seu sobriño Eduardo Rial e o mariñeiro ganés Samuel Kwesi desembarcasen no porto de San Xoán de Terranova este venres, sobre as catro e media da tarde hora española, pero non será así polas malas condicións climatolóxicas.
Así, o Playa Menduiña Dos, o barco galego que trae a terra aos tres mariñeiros rescatados con vida e os cadáveres de seis dos seus compañeiros, prevé chegar a porto mañá pola mañá, segundo informan os medios locais.
O que si está xa en San Juan é o buque Nexus, de bandeira canadense, que transportaba a dous dos falecidos.
Chegou ao porto sobre ás pouco antes das doce do mediodía, en concreto as 11:47 hora española.
Alí atópase o cónsul xeral de España en Montreal, Luís Antonio Calvo, para asistir aos sobreviventes e coordinar tanto os traballos de identificación das vítimas como os de repatriación.