Custa reunilos nun mesmo cartel, pero a empresa da praza de touros de Pontevedra conseguiuno e a feira taurina da Peregrina terá como un dos seus pratos fortes un man a man entre os irmáns Rivera Ordóñez, Francisco "Paquirri" e Cayetano. Así o anunciou este martes Eduardo Lozano na presentación do cartel completo dunha feira que mantén tres festexos, definidos polo empresario como de "Figuras, mediáticos e revelacións".
Nesta edición a feira terá dous aperitivos. O primeiro terá lugar o sábado, día 17 de xullo, ás 19:00 horas como a totalidade de festexos, cun tentadero a cargo dos destros Juan del Álamo e Álvaro Lorenzo, que terá carácter gratuíto para todos os afeccionados, coa única condición de retirar a correspondente invitación na praza, e o segundo co Concurso de recortadores, que este ano será previo ás tres corridas sinaladas e celebrarase o sábado, día 5 de agosto, con prezos a partir dos 8 euros.
A primeira de feira será para os considerados como figuras consagradas. O domingo día 6 de agosto volve a San Roque Antonio Ferrera, toureiro que está a completar quizais una das mellores tempadas da súa carreira, acompañade de todo un clásico como Julián López "O Juli" e o peruano Roca Rey, que repite presenza tras o seu debut o ano pasado. Lidarán touros de Alcurrucén. Nesta primeira corrida, segundo anunciou Eduardo Lozano, antes do comezo gardarase un minuto de silencio en memoria do destro vasco-galego, Iván Fandiño, recentemente falecido nunha tráxica colleita.
O sábado 12 de agosto terá lugar o festexo mixto co rejoneador Diego Ventura repetindo presenza no cartel considerado dos "mediáticos", no que terá lugar o inédito (en Pontevedra) man a man entre os irmáns "Paquirri" e Cayetano. O cabaleiro lidará touros dos Espartales, mentres que os Rivera Ordóñez terán gañado de María Loreto Charro Santos.
Pechará a fería a tarde das "revelacións", con touros de Santiago Domeq para os destros Juan del Álamo e Ginés Marín, ambos os triunfadores en San Isidro, acompañados de Álvaro Lorenzo.
Os prezos mantéñense igual un ano máis, aínda que cunha innovación para persoas en situación de desemprego e novos. Os primeiros poderán acceder cun prezo de 25 euros por festexo, mentres que os segundos farano por 15 euros. Ademais, os menores de 18 anos poden conseguir un abono especial para os tres corridas por un prezo total de 30 euros.
A renovación de abonos será entre o 17 e o 20 de xullo; os novos abonos os días 21 e 22 de xullo; e as entradas soltas poderanse adquirir a partir do 24 de xullo.
Mencionar tamén que o cartel desta edición conta cunha achega especial, ao estar confeccionado cunha ilustración do afamado pintor e escultor colombiano Fernando Botero, gran afeccionado aos touros e amigo de Eduardo Lozano, que cedeu á empresa os dereitos de utilización da imaxe.