O mapa de zonas de baño de Galicia sinala como non aptas 39 praias

Pontevedra
17 de maio 2024

O último control microbiolóxico realizado pola Xunta identificou unha trintena de espazos marítimos e continentais con clasificación sanitaria insuficiente, unha delas é a praia fluvial de Monte Porreiro

Imaxe de xente paseando pola praia reflectida na auga Xunta de Galicia

Galicia presume de bandeiras azuis en numerosas praias que son cualificadas coas máximas notas en canto á súa calidade e servizos. Así o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) certificou que o 91,8% das 515 zonas de baño analizadas este último ano poden presumir dunha calidade excelente. Lamentablemente, entre ese 1,2% restante que ten unha calidade insuficiente atópase a praia fluvial de Monte Porreiro.

Xunto con esta praia do Lérez aparecen as dos ríos Furelos (Melide), Tambre (Chaián), Cabe (Área recreativa da Fervenza), Ulla (peirao de Catoira), Carabuxeira (Sanxenxo) e a praia de Sopazos (Pontedeume). Todas elas suspenden no seu estado ambiental, polo que non recomenda o baño nestes lugares.

Esta semana presentouse o Programa de Vixilancia Sanitaria das Zonas de Baño de Galicia que tamén sinala nove puntos vermellos en praias de Galicia que non contan coa calidade mínima esixible para o baño debido a unha presenza por encima do máximo permitido de parámetros microbiológicos de enterococos intestinais e Escherichia coli, que poden ser prexudiciais para a saúde. 

Ademais, a Xunta prohibe permanentemente o baño en 32 zonas marítimas e continentais repartidas polas catro provincias debido aos altos niveis de Escherichia coli e Enterococcus, como é o caso da praia de Nanín, en Sanxenxo.

Este documento, elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade foi presentado este luns no Consello da Xunta.