O Marín Gaming Fest prepara a súa terceira edición para os días 11 e 12 de novembro

Marín
12 de setembro 2023

A terceira edición do Marín Gaming Fest xa ten datas. O evento, que promete levar a emoción do mundo do gaming a Marín, celebrarase no Pavillón da Raña os días 11 e 12 de novembro. Este evento gratuito estará aberto a todos os públicos sen necesidade de mercar entrada

Participantes de actividades no II Gaming Fest
Participantes de actividades no II Gaming Fest / Concello de Marín

A terceira edición do Marín Gaming Fest xa ten datas. O evento, que promete levar a emoción do mundo do gaming a Marín, celebrarase no Pavillón da Raña os días 11 e 12 de novembro.

Este evento gratuito estará aberto a todos os públicos sen necesidade de mercar entrada. Con máis de 20 postos de consolas, ofrecerá un amplio abano de experiencias para xogadores de todas as idades e niveis de habilidade. 

Algúns dos títulos destacados que estarán dispoñibles para torneos e xogo libre inclúen FIFA23, Tekken 7, MarioKart 8, Dragon Ball Fighter Z, Switch Sports, Rocket League, StreetFighter 6 e Duck Game. 

Os amantes de Super Smash Bros Ultimate poderán gozar ademais dun emocionante torneo que albergará ata 64 participantes nas modalidades de solitario e parellas. 

Para os fanáticos dos xogos de PC, haberá vinte postos adicados ao xogo libre e torneos de League of Legends (LOL) e Teamfight Tactics (TFT), onde poderán demostrar as súas habilidades estratéxicas. 

Ademais, a experiencia virtual será protagonista na zona VR, onde os asistentes poderán desfrutar do xogo Beat Saber, así como na zona de Simracing VE, onde poderán competir en emocionantes carreiras e retarse entre eles a acadar o mellor tempo. 

Os entusiastas deste mundo atoparán no Marín Gaming Fest o seu espacio máis didáctico na zona do escenario, onde se levarán a cabo charlas e obradoiros sobre diversos temas relacionados coa cultura alternativa, o anime e a caracterización. 

Haberá tamén o esperado concurso de cosplay, onde os cosplayers poderán lucir as súas creacións e competir por diferentes premios; e unha zona de xogos de mesa, organizada en colaboración coa Asociación Tempus Ludit e Rotting Pizza.