O mercado de abastos de Pontevedra estrea o seu sistema de reparto a domicilio

Pontevedra
18 de setembro 2020

Os clientes poden realizar a súa compra a distancia a través da páxina web  PonteAbastos.com, á que están adheridos quince establecementos de froitas, verduras, carnes, peixes e queixos que exercen a súa actividade na praza de Pontevedra

O Mercado de Abastos de Pontevedra estrea servicio a domicilio
O Mercado de Abastos de Pontevedra estrea servicio a domicilio / Concello de Pontevedra

O servizo de repartición a domicilio do mercado de abastos de Pontevedra xa está en marcha. A bordo dunha motocicleta equipada cun baúl de 200 litros de capacidade, o emprendedor Jorge Eyo é o encargado de realizar os primeiros repartos de produtos frescos encargados pola cidadanía pontevedresa a través da páxina web Ponteabastos.com, o marketplace do mercado de abastos impulsado pola plataforma #PonteLovers, da concellería de Promoción Económica.

O servizo atópase xa completamente operativo e conta con 15 negocios da praza adeheridos entre os que están: Frutería Pablo e María, Frutería Loli, Peixerías Rocío, Peixes Lolita, Peixaría Fina, Boutique Cárnica Celia Abal, Carnicería María, Macario Carniceiros, Flores Clara, Peixes Mary Iglesias, Mariscos Soncha, Carnicería Montse, Peixaría Mari Carmen, Peixes Reyes e A Queixería.

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, mostrouse "entusiasmada" cunha plataforma online "que resulta moi sinxela de empregar". Unha vez elixido o produto poderase comprar por peso ou unidades. Durante o proceso de validación do pedido, os usuarios poderán elixir entre recibilos na súa casa á hora que desexen ou recollelo na sede física de PonteAbastos, situada no primeiro piso do edificio da rúa Sierra.

Este sistema, que cumpre de forma escrupulosa con todas as medidas de seguridade en materia sanitaria, é de enorme utilidade para aquelas persoas que non poden acudir todos os días ao mercado por traballo, tempo ou distancia.