O Mercantil súmase á compostaxe

Pontevedra
30 de xaneiro 2018

Reaproveitar todos os restos orgánicos que se xeran nas súas instalacións de Mourente. É o obxectivo para alcanzar polo Casino Mercantil que, oficialmente, solicitou ao Concello de Pontevedra a instalación dun módulo de compostaxe comunitaria no seu parque de verán

Instalacións do Casino Mercantil en Mourente Mónica Patxot

Reaproveitar todos os restos orgánicos que se xeran nas súas instalacións de Mourente. É o obxectivo para alcanzar polo Casino Mercantil que, oficialmente, solicitou ao Concello de Pontevedra a instalación dun módulo de compostaxe comunitaria no seu parque de verán.

O Mercantil produce unha media de 61 toneladas de lixo orgánico ao ano, principalmente restos de comida que proceden das cociñas do centro. Supón o 48,9% de todos os residuos que se xeran no centro e equivale ao que xeran 180 habitantes.

Actualmente, a entidade "xa recicla todo o que pode", destacou o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, que se reuniu este martes coa nova directiva do Casino Mercantil. Ademais, parte dos biorresiduos xa se estaban destinando a alimentación animal.

O acordo inclúe a instalación dun composteiro de dez unidades que pasará a estar autoxestionado polos traballadores do Mercantil. Estará situado detrás do pavillón, a uns 90 metros da cociña do centro, e todo o compost que se produza será reutilizado nas propias instalacións.

Haberá, en todo caso, un período de asesoramento dos mestres composteros que visitarán de forma habitual o centro para supervisar o proceso. Será tres veces por semana no seu período inicial e de forma mensual a partir do sexto mes.

Ademais, impartirase un programa formativo para todos os traballadores do Casino Mercantil e celebrarase un obradoiro infantil e unha charla para os socios -o 2 de marzo-, explicándolles en que consiste o sistema de reciclaxe que se implantará nas instalacións.

O Mercantil sumarase así aos produtores "singulares" que xa reciclan todos os residuos orgánicos. Xa o fan o campus universitario da Xunqueira, o cuartel da Brilat e a cidade infantil Príncipe Felipe.