O "modelo de cidade" de Pontevedra será estudado nunhas xornadas que organiza a Deputación

Pontevedra
15 de setembro 2015

Con motivo do Día Europeo da Mobilidade, a Deputación celebrará o vindeiro día 23 deste mes unha xornada á que convida a tódolos responsables políticos e técnicos da provincia a coñecer diferentes experiencias de mobilidade e as consecuencias que supón a aplicación práctica deste novo concepto que fai que as persoas sexan os protagonistas dos espazos públicos

Saída de clase dos escolares do CEIP Barcelos Mónica Patxot

Con motivo do Día Europeo da Mobilidade, a Deputación celebrará o vindeiro día 23 deste mes unha xornada á que convida a tódolos responsables políticos e técnicos da provincia a coñecer diferentes experiencias de mobilidade e as consecuencias que supón a aplicación práctica deste novo concepto que fai que as persoas sexan os protagonistas dos espazos públicos.

O "modelo de cidade" de Pontevedra será estudado nestas xornadas nas que participará Pau Avellaneda, unha eminencia en materia de mobilidade tanto no estado como no estranxeiro.

Outro dos poñentes da xornada, que se desenvolverá no Museo de Pontevedra, será o xefe da Policía Local de Pontevedra, Daniel Macenlle, que abordará a creación do concepto de servizos para establecer os criterios que permiten o paso de vehículos polo centro da cidade.

Pechará a sesión do día 23 o novo asesor da Deputación de Pontevedra en materia de mobilidade, Jesús Fole, ao que se pode considerar como un dos 'pais técnicos' do modelo urbano de Pontevedra.

O encontro 'Mobilidade e espazos públicos' que se realizará en Pontevedra ten como obxectivo servir de foro de reflexión e debate para os técnicos da provincia, así como de posible solución práctica para algúns problemas que xa estean enriba da mesa.

De feito, está programada unha visita técnica á cidade para analizar 'in situ' algunhas das actuacións que se desenvolveron nos últimos anos.