O "modelo Pontevedra" suscita interese na H22 City Expo de Helsingborg

Pontevedra
16 de xuño 2022

Anabel Gulías, concelleira de Promoción da Cidade, e o edil Alberto Oubiña, participaron este xoves no congreso co relatorio sobre a creación de lugares como un esforzo de toda a cidade: como os municipios poden crear lugares exitosos e fortalecer comunidades

Participantes no congreso H22 City Expo
Participantes no congreso H22 City Expo / Concello de Pontevedra

Os cambios acometidos en Pontevedra centraron a maioría das preguntas durante a intervención que este xoves tiñan a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel  Gulías, e o edil Alberto Oubiña no congreso H22 City Expo, que se celebra na cidade de Helsingborg, en Suecia.

Este evento organizado pola agrupación Placemaking  Europe tratou no relatorio na que interviñan os dous representantes do goberno local sobre a creación de lugares como un esforzo de toda a cidade analizando como os municipios poden crear lugares exitosos e fortalecer comunidades.

Nesta cita congregáronse expertos sobre mobilidade urbana de distintos puntos do planeta e analízanse casos concretos como Nova York, Helsinqui ou Budapest. Durante a parte final da súa intervención, os asistentes realizaron numerosas preguntas sobre a transformación da Boa Vila, segundo indican desde o Concello de Pontevedra.

Anabel  Gulías explica que se trata dunha experiencia "gratificante" comprobar o interese que ofrece o modelo aplicado en Pontevedra. Durante a súa exposición compartiron espazo con representantes políticos das cidades de Helsingborg e da Haia. As sesións teñen carácter participativo co obxectivo de enriquecer o traballo para deseñar cidades que afronten desafíos futuros, explicou a concelleira de Promoción da Cidade.