Operarios da empresa pública Seaga, financiada a través da achega da Xunta de Galicia, traballan estes días en Ponte Caldelas na repartición de palla nos terreos afectados polos incendios do pasado mes de outubro.
Esta actividade, coñecida como 'mulching', busca recuperar as zonas queimadas e evitar que se produzan corrementos de terra e sedimentos polas choivas.
Con todo chega "moi tarde" para o Concello de Ponte Caldelas, ao ter desperdiciado "dous meses secos e aparecendo cando a erosión xa fixo o seu traballo", denuncia o goberno local ante a "lentitude coa que reacciona a administración galega".
Isto sucede, sinala o alcalde Andrés Díaz, porque os traballos para recuperar o monte queimado xestionáronse a través dun expediente ordinario en lugar de adecuarse a unha situación de emerxencia.
O rexedor lamentou ademais que que a Xunta non colaborase coas tarefas de 'mulching' organizadas a través da administración local coa participación de voluntarios e que permitiron tratar a tempo entre 10 e 15 hectáreas dos terreos máis sensibles.
O persoa de Seaga centra a súa actuación con palla en varios puntos de Silvoso e Parada.