O Nadal de Pontevedra incluirá un gran mercado na Ferraría e unha campaña de apoio ao comercio local

Pontevedra
02 de novembro 2023

Este ano o Concello unificará toda a programación de Nadal baixo un mesmo marco de actuación co obxectivo de "optimizar o gasto público e abrir a porta a unha expansión no tempo das distintas actividades". As concellarías de Festas e Promoción Económica traballarán xuntas  

Poboado de Nadal na Ferrería
Poboado de Nadal na Ferrería / PontevedraViva

Este ano 2023, o Concello de Pontevedra vai reformular e reforzar a súa programación de Nadal, con novidades como un único mercado na praza da Ferraría, onde nos últimos anos se optara por un poboado de Nadal separado do mercado de artesanía.

O asunto abordouse este xoves na comisión de Benestar social e Cultura, celebrada nas dependencias municipais, na que o Goberno local deu a coñecer que unificará toda a programación de Nadal baixo un mesmo marco de actuación co obxectivo de "optimizar o gasto público e abrir a porta a unha expansión no tempo das distintas actividades".

As concellarías de Festas e Promoción Económica traballarán xuntas e os edís responsables de cada unha Demetrio Gómez e Anabel Gulías, adiantaron que van tentar aproveitar mellor os espazos urbanos nos que se desenvolven as actividades e manter a programación descentralizada polos barrios e as parroquias do municipio dos últimos anos.

Sobre o gran mercado da praza da Ferraría explicaron que será un único e gran mercado de Nadal.

En canto á colaboración co comercio de proximidade, este ano apostan por unha campaña de promoción do comercio local específica para o Nadal e pola sinatura de convenios de colaboración coas entidades representativas neste eido, CCZM e AEMPE.