Outro ano máis, Miguel de la Cierva, propietario do Náutico de San Vicente do Mar, coa colaboración doutros negocios de hostalería da zona, puxeron en marcha durante os meses de verán un aparcamento co obxectivo de doar a recadación a dúas entidades sociais.
A Asociación Española Contra o Cancro en O Grove xunto con Cáritas foron as asociacións elixidas para doar un total de 15.180 euros, cunha doazón de 7.590 euros para cada unha delas.
Desde a sede local da Asociación Española Contra o Cancro en O Grove queren agradecer publicamente este donativo "porque nestes tempos que non se poden facer tantos actos de recollida de fondos, este diñeiro garántenos poder continuar ofrecendo os nosos servizos de maneira gratuíta a pacientes oncolóxicos e familiares". A este agradecemento tamén se suma Cáritas de O Grove.
Os promotores da iniciativa tamén destacan o feito de que grazas a este aparcamento estival contratouse dúas persoas con dificultades económicas, designadas pola entidade Cáritas.