O novo acceso peonil ao cemiterio da Raña, a piques de estrearse

Marín
01 de setembro 2020

A actuación estará finalizada para a próxima semana, adiantándose ao prazo previsto nun primeiro momento, fixado para o outono. O obxectivo do Concello de Marín coa execución destas melloras é dotar de maior seguridade aos accesos ao camposanto, ademáis mellorouse a estética e a seguridade do muro, que se atopaba en malas condicións.

Muro do cemiterio da Raña
Muro do cemiterio da Raña / Concello de Marín

As obras para a creación dun novo acceso peonil ao Cemiterio da Raña e a mellora do muro que o colinda están a piques de rematar.

Estes traballos, que comezaron a executarse a finais de xullo pola empresa Viñas Blancas, teñen por obxecto crear un novo acceso para as persoas que acoden ao camposanto a través do exterior norte.

Antes da intervención, a veciñanza que acudía á Raña debía percorrer unha distancia de 170 metros cunha pendente do 13% nun camiño sen beirarrúas e cunha estrada de dobre sentido, o que podía producir situacións de perigo para os peóns. Deste xeito, o Concello quixo estudar cal era a mellor alternativa para ofrecer maior seguridade.

Dentro do proxecto, incluíuse o arranxo e a mellora do muro lateral, xa que se atopaba nunha situación deficiente e precisaba de mantemento. Neste momento, segundo fontes municipais, xa está a piques de rematar o enfoscado do muro e está previsto que a próxima semana xa se coloquen a porta e as barandas da escaleira.