Marín adxudica a mellora do camiño de Arealonga-O Marco na parroquia de San Xulián

Marín
14 de outubro 2020

A obra terá un prazo máximo de execución de dous meses e consistirá na renovación dos servizos municipais de saneamento, abastecemento e accesibilidade, así como unha substitución do pavimento desta estrada e unha roza e limpeza de todo o terreo, retirando a maleza e o material de refugallo que se poida atopar

Camiño de Arealonga-O Marco na parroquia de San Xulián (Marín) que se vai renovar
Camiño de Arealonga-O Marco na parroquia de San Xulián (Marín) que se vai renovar / Concello de Marín

Este mércores, o Concello de Marín anunciaba o inicio nun breve prazo dunha actuación integral sobre o camiño de Arealonga-O Marco, na parroquia de San Xulián.

A Concellería de Medio Rural informa de que se mellorarán as condicións de habitabilidade desta zona, grazas á renovación dos servizos municipais de saneamento, abastecemento e accesibilidade.

A intervención no saneamento consistirá na instalación das tubaxes adicadas a estes fins, que conectarán coas acometidas domiciliarias residuais separativas e de abastecemento.

Así mesmo, renovarase o pavimento desta estrada e realizarase unha roza e limpeza de todo o terreo, retirando a maleza e o material de refugallo que se poida atopar.

Este proxecto xa está adxudicado á empresa Construcciones Vale SL por un importe total de 37.954,56 euros (IVE incluído), que terá un prazo máximo de execución de dous meses.

O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, considera "moi importante" a realización desta obra, "dado que dotará, como non podía ser doutra forma, a esta zona dos servizos básicos e de alta calidade que debemos ofrecer desde o Concello".