O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, vén de presentar o proxecto elaborado polo Concello de Marín para a pavimentación de once camiños rurais en diversas parroquias, cunha inversión de 228.362,48 euros, que se solicitará ao Plan Concellos da Deputación Provincial.
A mellora no pavimento estenderase por 2,7 quilómetros neses camiños, onde se procederá a rehabilitar o firme e resolver problemas estruturais como fendas ou deformacións.
Ademais, crearanse foxos naqueles camiños onde haxa máis complicacións coas augas pluviais. Así mesmo, haberá unha adaptación á rasante dos rexistros da rede de sumidoiros cando sexa posible e realizarase unha sinalización horizontal dos bordos laterais da calzada.
En concreto, o Concello de Marín proxecta obras nas parroquias de San Xián (camiños de Arealonga e Carballal), Mogor (Agrovello e Cividanes), Seixo (camiño de San Blas-Aguete), O Campo (Currás), Santomé de Piñeiro (Fixón, Silvestre-Troncosa e Miñán) e Ardán (Os Tombos e Os Picotes).
O Concello agarda que poidan comezar a executarse os traballos a partir do segundo semestre deste ano.