O novo centro de saúde de Carballedo encabeza as emendas do BNG de Cerdedo-Cotobade aos orzamentos da Xunta

Cerdedo-Cotobade
15 de xaneiro 2021

As enmendas do BNG recollen as demandas dos veciños, como a construción dun novo centro de saúde en Carballedo, unha residencia pública para persoas maiores, mellora da seguridade viaria na PO-233 (no treito Carballedo-Augasantas) e na PO-234 (entre Bora e A Lama), a posta en valor da riqueza en petróglifos e a creación dunha lonxa forestal

O portavoz municipal Ernesto Filgueira, acompañado polo deputado Luís Bará e membros da Asemblea Local do BNG de Cerdedo-Cotobade BNG

O grupo municipal do BNG de Cerdedo-Cotobade presentaba recentemente as súas enmendas aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2021.

Dende a formación nacionalista, o portavoz municipal Ernesto Filgueira, acompañado polo deputado autonómico Luís Bará e membros da asemblea local do BNG de Cerdedo-Cotobade, informaba que estas enmendas recollen as demandas da veciñanza.

A primeira destas peticións refírese á dotación dun novo centro de saúde en Carballedo que conte con espazo, material e persoal, suficiente para dar resposta á atención sanitaria que precisa o concello nun contexto de pandemia como o actual. Para este novo centro de saúde, o BNG propón nas súas enmendas unha partida de 750.000 euros.

Así mesmo, os nacionalistas lembran que Cerdedo-Cotobade é un municipio cunha poboación moi avellentada que fai necesaria a construción en Carballedo dunha residencia pública para persoas maiores. O BNG contempla 250.000 euros para este proxecto.

Outro dos grandes eixos das emendas do BNG aos orzamentos da Xunta é a mellora da seguridade viaria na PO-233 (no treito Carballedo-Augasantas) e na PO-234 (entre Bora e A Lama) que permita solventar a perigosidade dalgúns puntos da PO-233 ao seu paso polos lugares de Vilanova, A Xesteira e As Lagoas, mediante a adopción de medidas de calmado de tráfico, construción de beirarrúas e pasos de peóns regulados por semáforos intelixentes, así como a construción dun carril bici desde a rotonda de Ponte Bora ata o veciño concello da Lama, que abrangue as estradas PO-233 e PO-234.

A "posta en valor do rico patrimonio histórico do noso concello" é outra das materias das que se ocupa o BNG nas súas enmendas. Lembra a agrupación nacionalista que Cerdedo-Cotobade conta cunha gran riqueza en gravados rupestres que deben ser coidados e valorizados, como é o caso das estacións de Outeiro Lombo da Costa, Fentáns, Viascón, Porteliña da Corte e Pedre.

Neste sentido o BNG demanda a roza perimetral, a recuperación e posta en valor das laxes, a creación de estacións petróglifas con perímetros delimitados e paneis informativos e a posta en marcha dun plan de promoción coa marca "Petróglifos de Cerdedo-Cotobade", por un importe de 150.000 euros.

Unha última partida proposta polo BNG de 200.000 euros é para a creación dunha lonxa forestal que abarque os concellos de Forcarei, Beariz e Cerdedo-Cotobade.