Cerdedo-Cotobade pide informes financeiros para a residencia de maiores de Carballedo

Cerdedo Cotobade
26 de xullo 2021

O alcalde valora que "imos dando un paso máis" no camiño de conseguir para Carballedo unha residencia que atenda a demanda dos maiores e permita, ao mesmo tempo, ampliar a oferta laboral no municipio e axudar a fixar poboación. Este novo trámite suporá superar os últimos requisitos técnicos e administrativos para poder sacar a licitación canto antes esta obra

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade
Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade pediu á Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia que lle remita un informe para decretar a sustentabilidade financeira do Concello para construír a residencia de maiores de Carballedo.

A nova residencia vaise construír mediante un contrato de concesión de obra para a redacción do proxecto, equipamento, construción do edificio e explotación do centro, que sería xeriátrico para 59 persoas e Centro Día para 20

O investimento de capital necesario ou orzamento previsto estimado para a construción desta residencia sería de 3.609.620 euros, tendo en contas características arquitectónicas e técnicas mínimas que se perfilan nas propias previsións do Plan Especial de Dotación e que figuran no Prego de Cláusulas ou Prescripcións Técnicas rectoras do contrato tamén elaborado para o presente procedemento de licitación.

O Concello de Cerdedo-Cotobade achegará 750.000 euros procedentes de fondos propios, pero o adxudicatario terá que achegar tamén 192.808 euros correspondentes aos gastos de expropiación, retranqueo da liña eléctrica e urbanización do entorno da parcela que albergará a futura Residencia de Persoas Maiores de Carballedo que creará uns 20 postos de traballo e permitirá atender a 59 persoas na residencia e a unha vintena de usuarios no Centro de Día.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, valora que "imos dando un paso máis" no camiño de conseguir para Carballedo unha residencia que atenda a demanda dos maiores e permita, ao mesmo tempo, ampliar a oferta laboral no municipio e axudar a fixar poboación. 

Este novo trámite suporá superar os últimos requisitos técnicos e administrativos para poder sacar a licitación canto antes esta obra.

A nova residencia emprazarase en cinco parcelas que suman 10.688 metros cadrados e terá unha superficie de 3.304 metros e un prazo de execución material da obra duns 14 meses.