Este mércores 6 celebrábase en Cerdedo-Cotobade un pleno extraordinario no que se aprobaban os tres regulamentos que determinan o funcionamento e a admisión de beneficiarios da residencia de maiores e do centro de día que está previsto construír en Carballedo.
Estes regulamentos, previos á contratación da obra, foron aprobados cos votos dos concelleiros do Partido Popular. O BNG votou en contra e o PSdeG-PSOE abstíñase na votación plenaria.
O alcalde Jorge Cubela lamentou a decisión do BNG "a pesar de recoñecer o traballo realizado polos funcionarios e responsables de Servizos Sociais do Concello para elaborar esta complicada documentación" e considera irresponsable a abstención dos concelleiros socialistas.
Esta aprobación, segundo o goberno local, era o último trámite necesario para acometer neste 2022 o proceso de contratación pública da construción destes espazos nos terreos que xa se atopan a disposición para albergar a residencia e o centro de día.
Cubela sostén que a xestión deberá ser indirecta xustificándose en que a Lei de Orzamentos Xerais do Estado impide que os concellos incrementen o seu persoal máis aló da taxa de reposición. O alcalde lembra que para poñer en marcha este servizo serán necesarios trinta empregados que non se poden converter en funcionarios.
O seguinte paso previsto consistirá en iniciar o procedemento de licitación pública da construción da residencia de maiores. Estes regulamentos volverán expoñerse publicamente durante trinta días antes da licitación.
Cubela sinala que en todo o proceso aprobouse un plan de viabilidade, un plan especial de dotacións, un proxecto de expropiación, coa concesión da Xunta de Galicia para a construción da residencia, a aprobación da Dirección Xeral de Administración Local da sustentabilidade financeira do proxecto e tamén se creou unha comisión técnica para acordar e elaborar os regulamentos aprobados no pleno.
A nova residencia situarase en cinco terreos cun total de 10.688 metros cadrados e terá unha superficie de 3.304 metros. O investimento ascenderá a 3,6 millóns de euros, cunha achega municipal de 750.000 euros procedentes de fondos propios. O prazo de execución da obra previsto alcanza os 14 meses.