Unha única empresa opta ao contrato de construción da residencia de maiores e centro de día de Carballedo

Cerdedo Cotobade
21 de febreiro 2023

Esta empresa ofertou 3.679.134 euros e ten que aportar a partir do día 24 de febreiro os avais e toda a documentación precisa para formalizar o contrato de obra e servizo desta infraestrutura municipal que terá un custe total por todos os conceptos próximo aos 5 millóns de euros

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, na zona onde se construirá a Residencia de Maiores de Carballedo
Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, na zona onde se construirá a Residencia de Maiores de Carballedo / Concello de Cerdedo-Cotobade - Arquivo

A mesa de contratación do Concello de Cerdedo-Cotobade comunicou que unha única empresa opta ao contrato de construción da residencia de maiores e centro de día de Carballedo.

Esta empresa ofertou 3.679.134 euros e ten que aportar a partir do día 24 de febreiro os avais e toda a documentación precisa para formalizar o contrato de obra e servizo desta infraestrutura municipal que terá un custe total por todos os conceptos próximo aos 5 millóns de euros. 

Unha vez cumprimentados todos os trámites administrativos e asinado o contrato a empresa terá un prazo máximo de 14 meses para construir o edificio e poñer en marcha estas instalacións.

Así, a nova residencia emprazarase en cinco parcelas que suman 10.688 metros cadrados e terá unha superficie de 3.304 metros tras un investimento duns 3,7 millóns de euros, cunha aportación do Concello de 750.000 euros de fondos propios.

A materialización deste proxecto sociosanitario leva consigo tamén a redacción do proxecto técnico a urbanización da parcela e do acceso e todo o equipamento necesario para prestar en perfectas condicións este servizo.