O novo centro deportivo de Campolongo está xerando "moita expectación"

Pontevedra
14 de febreiro 2019

Un de cada dous usuarios das piscinas de Campolongo reservou xa praza para o novo centro deportivo que substituirá ás instalacións actuais. É o dato que empregaron o Concello de Pontevedra e a empresa Serviocio para certificar que existe "moita expectación" ante o futuro deste complexo, que reabrirá totalmente renovado o 1 de outubro

Recreación do futuro centro deportivo de Campolongo / Concello de Pontevedra

Un de cada dous usuarios das piscinas de Campolongo reservou xa praza para o novo centro deportivo que substituirá ás instalacións actuais. É o dato que empregaron o Concello de Pontevedra e a empresa Serviocio para certificar que existe "moita expectación" ante o futuro deste complexo, que reabrirá totalmente renovado o 1 de outubro.

Iso supón que o novo centro deportivo municipal de Campolongo parte xa con máis de 1.400 usuarios. Os seus socios actuais teñen todo o mes de febreiro de prazo para confirmar a súa continuidade. A partir de aí abrirá o prazo -ata o 10 de marzo- para os que xa acoden a cursos no complexo e -desde o 11 de marzo- para os novos usuarios.

A empresa, segundo explicou o portavoz do goberno municipal, está "sorprendida" coa "boa acollida" que está a ter este proxecto, especialmente tendo en conta que as instalacións pecharán durante seis meses, a partir do 1 de abril, para executar as obras.

Raimundo González reiterou que a rehabilitación integral das piscinas, para cuxo proxecto construtivo os técnicos municipais deron o visto e prace, permitirá que Pontevedra conte cun centro deportivo "moderno e luminoso" e que estará adaptado aos novos usos que demandan as persoas que practican deporte.

Para que os futuros usuarios coñezan como serán estas instalacións, o Concello difundiu un vídeo que reflicte o proxecto definitivo do novo centro deportivo municipal que haberá en Campolongo.