O novo centro socioculturural multiusos de Santa Lucía abrirá as súas portas en Nadal.
O deputado provincial Carlos López Font visitou este mércores, xunto coa alcaldesa de Moraña, María Luisa Piñeiro, este edificio construído a partir da rehabilitación integral do antigo Mercado Municipal e financiado integramente pola Deputación de Pontevedra ao través do Plan de Reequilibrio e do Plan Concellos.
O deputado provincial destacou que este é "un proxecto certamente sobresaínte en todo o que significa integración, luminosidade e vistosidade do edificio" e que "agora só falta que as veciñas e veciños de Moraña gocen del".
Pola súa banda, a alcaldesa de Moraña sinalou que "quedan unha serie de retoques, mobiliario interior e acondicionamento exterior" para que o novo centro pase a formar parte do día a día dos veciños.
O novo centro conta cun auditorio/salón de actos para 173 prazas, unha zona polivalente destinada ás persoas maiores do concello, dúas aulas/obradoiros e estancias para servizos como aseos, despachos, zona de control ou cafetería.