O novo colexio de Vilalonga, proxecto estrela de Educación na provincia para os próximos dous anos

Pontevedra
19 de xaneiro 2019

A Consellería ten programadas ata 2021 obras en 13 centros da provincia. O maior investimento serán os 4.160.000 destinados ao CEIP de Vilalonga. Hai outros 1,4 millóns previstos para a ampliación do IES Plurilingüe Aquis Celenis de Caldas e 400.000 euros para a terceira fase do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra

Xunta e Concello de Sanxenxo asinan o convenio de posta a disposición dos terreos do novo colexio de Vilalonga
Xunta e Concello de Sanxenxo asinan o convenio de posta a disposición dos terreos do novo colexio de Vilalonga / Concello de Sanxenxo

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ten programadas ata o ano 2021 obras en 13 centros educativos da provincia de Pontevedra ao abeiro do desenvolvemento do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas. Entre elas, a obra que acapara máis investimento é a de construción do novo colexio de Vilalonga, en Sanxenxo.

En total, o investimento previsto para as 13 actuacións programadas na provincia ascende a preto de 15 millóns de euros, dos que 4.160.000 estarían destinados ao CEIP de Vilalonga. Segundo os últimos anuncios realizados pola Consellería, está previsto que as obras se inicien no segundo semestre deste ano 2019.

O desenvolvemento do Plan de Infraestruturas Educativas ata o ano 2021 contempla a execución de nove actuacións de obra nova (construción, ampliación e reformas importantes) na provincia, ás que se destinarán máis de 12,7 millóns de euros. Neste apartado, ademais do CEIP de Vilalonga, destacan os 1,4 millóns previstos para a ampliación do IES Plurilingüe Aquis Celenis de Caldas e os 400.000 euros que se destinarán á terceira fase do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra. 

Ademais, a Consellería continuará renovando as instalacións dos centros máis antigos para adecualas ás necesidades actuais. Neste sentido, para o período 2019/20 están previstas catro actuacións de rehabilitación enerxética na provincia, o que suporá un investimento de preto de 2,2 millóns de euros.

En concreto, este ano realizaranse melloras no CEIP de Tenorio (Cerdedo-Cotobade) e no CEIP Arealonga (Vilagarcía de Arousa). Estas obras consisten na mellora da cuberta, da carpintería exterior, falsos teitos, renovación de luminarias, illamento de fachada e traballos de pintura e de identidade corporativa.