O novo comandante director da Escola Naval, de visita polo Concello e a Deputación

Pontevedra
25 de agosto 2015

Foi o primeiro encontro oficial que Miguel Anxo Fernández Lores e Carmela Silva mantiveron con José María Núñez Torrente dende que este accedeu a un cargo que desempeñará durante os próximos tres anos, en substitución de Juan Luis Sobrino, responsable ata agora destas instalacións militares situadas na ría de Pontevedra

Recepción do alcalde ao comandante-director da Escola Naval, José María Núñez Torrente
Recepción do alcalde ao comandante-director da Escola Naval, José María Núñez Torrente /

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu este martes a visita do novo comandante director da Escola Naval de Marín, José María Núñez Torrente. Foi o seu primeiro encontro oficial dende que este accedeu a un cargo que desempeñará durante os próximos tres anos, en substitución de Juan Luis Sobrino, responsable ata agora destas instalacións militares situadas na ría de Pontevedra.

Tras desexarlle unha "feliz estanza" en Pontevedra, Fernández Lores afirmou que espera que ambos os dous organismos manteñan unha boa "convivencia" e continúen coas liñas de colaboración que se foron poñendo en marcha ao longo dos anos.

Pola súa banda, Núñez Torrente -que tomou posesión o pasado 24 de xullo- afirmou que á súa chegada á Escola Naval "me he encontrado con mucho viejo conocido", xa que ademais de cursar alí os seus estudos militares foi ata 2012 un dos seus subdirectores. "He vuelto un poco a mi casa", afirmou este ferrolán que lle comentou ao alcalde "cómo me impresiona Pontevedra cada vez que vengo, da gusto pasear por las calles y ver cómo está la ciudad". 

Ademais, adiantou que a Escola Naval se dotará dun edificio de investigación que estará operativo en 2016. "Está todo aprobado y pendiente de comenzar la obra", explicou. Este inmoble utilizarase para que o persoal académico do Centro Universitario de Defensa, adscrito á Universidade de Vigo, poida "hacer investigación con los alumnos". Nun "siguiente paso" determinarase en que áreas científicas se centrarán esas investigacións. 

VISITA Á DEPUTACIÓN

José María Núñez Torrente tamén acudiu este martes á Deputación de Pontevedra para entrevistarse coa súa presidenta, Carmela Silva. Ambos os dous coincidiron na necesidade de incrementar a relación entre ambas as dúas entidades e por iso a titular da institución provincial avanzou que o próximo mes de setembro visitará as instalacións da Escola Naval para coñecer "con todo detalle e en primeira persoa" o seu funcionamento.

Carmela Silva apuntou que o presidente anterior "nunca fixo unha visita institucional á Escola Naval e eu quero facela porque é fundamental coñecer ás actividades e ou funcionamento de todos os organismos que son esenciais para a provincia de Pontevedra". A presidenta da deputación pontevedresa recordou o grande impacto económico que xera na provincia e os beneficios para a provincia que supón a cualificación dos seus alumnos.