O alcalde de Poio, Ángel Moldes, inicia o seu mandato cun plan de limpeza con operarios municipais para "poñer a punto o concello".
A primeira actuación xa se fixo este luns, e consistiu na limpeza dunha fonte en Combarro, dando así resposta ás reclamacións que viñan facendo os veciños desde hai anos, e que consistiu na eliminación de maleza e chorreo.
O novo goberno local quere poñer nos próximos días especial atención na mellora dos acesos ás praias, así como nos paseos e sendas. En resumo, segundo explica Moldes, "trátase de aproveitar todos os nosos recursos propios para ofrecer a mellor imaxe de Poio aos nosos veciños, queremos un concello limpo e coidado".
Para conseguilo, o alcalde quere priorizar que todos os traballos que se poidan realizar con persoal propio do concello. "Non se entendía que, coa débeda que soporta Poio, ata o de agora se contratasen empresas externas para facer este tipo de traballos, mentres as nosas máquinas estaban paradas", dixo Moldes.
Neste senso, o alcalde incide en que "a situación económica é complicada e temos que xestionar con poucos recursos. Estamos en xuño e hai partidas económicas que xa se están esgotando. Non é unha escusa, é unha realidade que nos obriga a ser enxeñosos e xestionar con cautela e prudencia. Por iso, todo o que se poida facer cos recursos humanos e materiais do concello, vaise aproveitar, porque ademais contamos con grandes profesionais para realizalo".