O novo mapa de titulacións universitarias inclúe o grao de Deseño e Creación no campus de Pontevedra

Pontevedra
30 de outubro 2017

A Xunta e as tres universidades galegas presentaron este luns o mapa de titulacións do sistema universitario galego ata o ano 2021, que inclúe 14 novos graos, entre estes o de Deseño e Creación no campus de Pontevedra

Alumnado da Esdemga
Alumnado da Esdemga / Universidade de Vigo

A Xunta e as tres universidades galegas presentaron este luns o mapa de titulacións do sistema universitario galego ata o ano 2021, que inclúe 14 novos graos, entre estes o de Deseño e Creación no campus de Pontevedra.

Trátase dun paso pioneiro en España, xa que é a primeira vez que unha comunidade autónoma presenta unha planificación a medio prazo da súa oferta académica superior.

As principais accións son a introdución de novos graos, a declaración de títulos singulares, a aposta polos graos interuniversitarios e dobres graos, a retirada gradual de títulos con moi baixa demanda e a redefinición dos multiplicados ou duplicados.

Neste último caso está a Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra que ofrecen a mesma habilitación profesional que o grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural da Universidad de Santiago de Compostela.

A solución para este caso pasa por elaborar unhas directrices conxuntas entre as dúas universidades, a través do Consorcio Interuniversitario de Galicia, para impulsar a colaboración e a potenciación da súa oferta docente.