O novo presidente de AJE, Pablo Fernández, quere potenciar a colaboración co sector hostaleiro

Pontevedra
25 de maio 2017

A antecesora no cargo, Lucía Pedroso, agradeceu emocionada o apoio recibido durante o seu mandato e loubou a figura de Pablo Fernández indicando que é unha persoa íntegra, traballadora e con valores moi fortes

Pablo Fernández e Lucía Pedroso Mónica Patxot

Lucía Pedroso deixaba este xoves 25 o seu cargo á fronte da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra trasladando a batuta deste colectivo a Pablo Fernández, a quen definiu no acto ante socios e representantes de diversos colectivos, como "unha persoa íntegra, traballadora e con valores moi fortes".

O novo presidente anunciaba que quere chamar a todos os asociados e falar un por un para coñecer as súas críticas e tamén os aspectos positivos que destaquen do funcionamento deste colectivo empresarial.

Fernández indicou que manterá un labor continuista seguindo a liña marcada por Lucía Pedroso e o seu obxectivo céntrase en ofrecer aire fresco procedente da rúa e das empresas.

Neste sentido, durante as súas primeiras palabras á fronte de AJE destacou a importancia que o sector hostaleiro ten entre a mocidade como primeiro achegamento á actividade empresarial. Por este motivo mostrouse disposto a colaborar con este sector cuxo presidente, Víctor Pampín, atopábase no acto.

O novo presidente indicou que tamén seguirán apoiando ao sector comercial da man de AEMPE, asociación á que cualificou como irmá maior e ao sector forestal. Ademais, sinalou que espera que xurdan novas ramas desde as que xurdan actividades económicas.

Actualmente AJE conta con entre 100 e 150 asociados e a idea de Fernández é incrementar o número para poder esixir máis ás administracións e, ao mesmo tempo, mellorar os servizos que ofrece este colectivo.