Os procedementos xudiciais que mantiveron nos últimos anos o Ministerio de Defensa e comunidades veciñais e de montes de Vilaboa, Marín e Pontevedra pola titularidade dos terreos que ocupa a base General Morillo da Brilat minguaron de forma significativa as zonas de adestramento militar. Sempre desde o respecto a esas decisións xudiciais, e aos veciños agora propietarios das parcelas, a Brigada Galicia VII encarará agora unha nova etapa na que se centrará na procura de espazos para ampliar as súas posibilidades de formación e adestramento.
Ampliar eses espazos é un dos retos "más importante" que se marca o novo xeneral da Brigada, Luís Cortés Delgado, que este xoves tomou posesión do cargo nunha parada militar presidida polo xeneral de División Fernando García González- Valerio, xefe da División Castillejos, e marcada pola choiva constante.
O propio xeneral González- Valerio agradeceu a presenza no acto a todas as autoridades civís e militares definindo a mañá deste xoves na base General Morillo como un "día bonito y gallego". O novo xeneral da Brigada, pola súa banda, decidiu acurtar o acto para reducir o tempo baixo a choiva dos mil soldados que participaron na parada militar: non pasou revista á tropa, como estaba previsto, e leu o seu discurso nun lugar cuberto mentres convidaba os participantes a un viño español.
Previamente, en declaracións á prensa, deu a coñecer esa intención de buscar novos espazos. Argumentou que"dentro de un cuartel no se adiestra la infantería, la artillería, la caballería…" e que está "preocupado" porque "no podemos encerrarnos en un cuartel", de modo que é necesario buscar novos espazos de preparación nos que poder practicar máis aló do pequeno campo de manobras da base.
O xeneral Cortés xa destaca que esa procura de espazos realizarase coa "connivencia" dos veciños, autoridades e "por supuesto" dos donos dos terreos e tamén que os seus catro máximas de traballo son seguridade, medio ambiente, preparación e planificación. Ademais, buscarán que non sexa necesario desprazarse en vehículos nin facer gastos adicionais.
O reto máis inmediato que se marca é o chamado exercicio Toro, as manobras máis importantes do ano do Exército de Terra, que supoñerán un despregamento por toda España de preto de 6.000 efectivos, 750 vehículos e 12 helicópteros do 8 ao 24 de novembro. Desenvolverase no Campo de Manobras de San Gregorio (Zaragoza), Campo de Manobras de Chinchilla (Albacete), Base Jaime I ( Bétera, Valencia), Base General Menacho (Badaxoz), Base General Morillo (Pontevedra), Basee Cabo Noval (Asturias) e zona dos Monegros (Zaragoza-Huesca) e supoñerá unha simulación de "combate generalizado", de modo que será esixente para todas as unidades participantes, entre elas, a Brilat.
Ademais, a partir de xaneiro, á brigada tocaralle pasar ao ciclo máis importante de preparación do exército español, no que Defensa se envorca en que dúas brigadas, unha delas a Brilat neste caso, teñan "un año preparación completo". Recibirán máis recursos de adestramento que outras unidades.
NOVO DESTINO
O novo xeneral da Brilat asegurou este xoves sentirse "en casa". A acollida en Pontevedra foi "magnífica", por parte da poboación civil e militar, e atopouse cunha amabilidade que "llama la atención". Xa coñecía a cidade de anos atrás porque ten un irmán na Escola Naval Militar de Marín e, agora que se reencontrou con ela, deuse conta de que se trata dunha cidade "modélica" e "exportable", aínda que aínda "tiene mucho que desarrollar en los alredores de lo que es la almendra central". "Pontevedra va tirando del carro", engadiu.
En canto á Brigada, tamén sente "como en casa" e destaca que hai cualidades dos seus soldados que o "asombran". Trátase da austeridade, a humildade e a dureza, e tamén da súa capacidade para adaptarse ás condicións meteorolóxicas para realizar todo tipo de actividades.