O núcleo de centralidade de Salcedo empeza a tomar forma

Pontevedra
14 de setembro 2017

As obras, que avanzan a bo ritmo, permitirán implantar medidas de acougado de tráfico e a creación de pistas de xogo ou un auditorio ao aire libre

O alcalde visita as obras do núcleo de centralidade parroquial de Salcedo
O alcalde visita as obras do núcleo de centralidade parroquial de Salcedo / Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, comprobou este mércores o avance das obras para crear o núcleo de centralidade parroquial de Salcedo.

Acompañado de membros do Consello Parroquial e compañeiros do goberno local percorreu a zona, na que nestes momentos se realizan traballos de xardinería e colocación das pezas de peche do recinto.

Tras acabar esta fase queda por acometer o remate das escaleiras de acceso ao novo auditorio ao aire libre habilitado no lugar.

O que xa está terminado é o percorrido peonil entre as dúas entradas do cemiterio e estanse a mellorar os espazos entre a Casa do Monte e a Casa Verde. Nesas áreas instaláronse unha pista de petanca, outra de chave e un parque infantil, e completarase a actuación con mesas, bancos e árbores froiteiros ademais de iluminación específica en cada un destes lugares.

Como complemento a todo iso, estes días estase a rematar a instalación das medidas de acougado de tráfico diante do colexio do Cruceiro, un proxecto no que se investiron 110.000 euros.