O obradoiro de emprego de Caldas de Reis cumpre un trimestre con traballos moi avanzados en Segade

Umia
06 de abril 2021

O alumnado recibiu neste período formación en riscos laborais, informática, igualdade, medio ambiente e adquiriu coñecementos para a obtención do certificado de profesionalidade en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes

Obradoiro dual de emprego de Caldas de Reis
Obradoiro dual de emprego de Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

O obradoiro dual de emprego "O Camiño dos Camiños", posto en marcha polo Concello de Caldas de Reis e financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade, vai cumprir tres meses de funcionamento. Neste período de tempo os 15 alumnos-traballadores que integran o proxecto recibiron formación en prevención de riscos laborais, informática, igualdade de oportunidades e medio ambiente.

Así mesmo, tamén están a recibir formación teórica para a obtención do certificado de profesionalidade de actividades auxiliares de conservación e mellora de montes que os vai capacitar para desempeñar traballos de peón forestal realizando labores de repoboación, corrección hidrolóxica e construción e mantemento de infraestruturas forestais, así como de control de pragas e enfermidades das plantas forestais.

Esta formación estase a completar cos traballos que están a desenvolver na finca municipal de Segade, onde se desenvolve a recuperación paisaxística da contorna, que vai moi avanzada. Entre as tarefas realizadas inclúense rozas, erradicación de vexetación invasora, acondicionamento e mantemento de sendeiros e camiños, así como eliminación de restos vexetais por medios mecánicos.

Estes traballos desenvolvéronse no lugar da Baxe, na ponte romana e na zona da antiga central hidroeléctrica.

A eliminación de vexetación invasora está a supor unha grande parte do traballo a desenvolver polo alumnado-traballador do obradoiro dual de emprego. As acacias, as robinias, as canas e a Tradescantia Fluminensis colonizaban unha boa parte do bosque da finca de Segade, minguando a biodiversidade do entorno.

Así, as actuacións estanse centrando neste primeiro momento na tala e destoconado destas especies e tamén s e iniciou a plantación de especies frondosas (carballos, bidueiros, freixos, etc.), nogueiras e acevos.

O alcalde, Juan Manuel Rey, visitou a finca de Segade e comprobou en persoa o intenso traballo que está a desenvolver o alumnado-traballador do obradoiro. Rey destacou que as actuacións están moi avanzadas e felicitou polo traballo realizado ao alumnado como ao persoal técnico e administrativo da escola taller.

Polo seu lado, o concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, destacou que esta iniciativa facilita a formación e a contratación do persoal no ámbito do medio ambiente e a recuperación paisaxística ao tempo que serve para continuar o plan municipal de eliminación de plantas invasoras.