O orzamento de Pontevedra crecerá en case un millón de euros

Pontevedra
03 de abril 2018

Unha modificación de crédito "case de trámite". Así cualificou o edil de Facenda, Raimundo González, a operación que pretende aprobar o goberno municipal no próximo pleno da corporación. Supoñería a incorporación ao orzamento de case 957.000 euros

Raimundo González, voceiro do goberno local de Pontevedra
Raimundo González, voceiro do goberno local de Pontevedra / PontevedraViva

Unha modificación de crédito "case de trámite". Así cualificou o edil de Facenda, Raimundo González, a operación que pretende aprobar o goberno municipal no próximo pleno da corporación. Supoñería a incorporación ao orzamento de case 957.000 euros.

Máis da metade dese diñeiro, 551.000 euros, destinaranse ao convenio con Acuaes, o organismo estatal que executou as obras do novo abastecemento de auga da ría de Pontevedra.

Raimundo González explicou que os concellos terán que asumir máis diñeiro do previsto inicialmente, ao non aceptar Bruxelas -a través dos fondos Feder- unha serie de asistencias técnicas e direccións de obra.

Hai 4 millóns que deberán asumir directamente os concellos, ben mediante o pago en efectivo ou sumándose ao crédito que ofrece Acuaes, a devolver en 50 anos. Pontevedra debe facerse cargo de 1.956.000 euros, dos que 767.000 pagará en man e o resto mediante este préstamo aprobado pola entidade.

Outros 317.000 euros serán para financiar o muro que se está afianzando na avenida de Bos Aires, antes de chegar a Monte Porreiro, que se viu afectado polo temporal.

Ademais, 52.000 euros destinaranse a novo mobiliario e maquinaria no mercado de abastos e 36.135 euros a un convenio co Instituto de Estudos de Territorio, dependente da Xunta, para realizar imaxes de alta resolución e ortofotos xeorreferenciadas de todo o municipio de Pontevedra.

Os 957.000 euros desta modificación financiaranse con remanentes de tesorería e baixas de outras partidas.