O orzamento municipal para 2015 ascenderá a 69 millóns de euros

Pontevedra
10 de novembro 2014

Así o adiantou o concelleiro de Facenda, Raimundo González, que avanzou que esta semana estará listo o borrador deste documento para comezar a negocialo cos seus socios de goberno, o PSdeG-PSOE. A intención do BNG é que, pasados os trámites das correspondentes comisións, poida aprobarse xa no pleno do mes de decembro

Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra
Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra / Mónica Patxot

69 millóns de euros. ÿ a cifra que alcanzará, inicialmente, o orzamento municipal para 2015. Así o adiantou o concelleiro de Facenda, Raimundo González, que avanzou que esta semana estará listo o borrador deste documento para comezar a negocialo cos seus socios de goberno, o PSdeG-PSOE. A intención do BNG é que, pasados os trámites das correspondentes comisións, poida aprobarse xa no pleno do mes de decembro.

Eses 69 millóns de euros son tres millóns máis que os que figuraban, modificacións posteriores á parte, no presuposto para este ano 2014. ÿ unha cifra que pode cambiar lixeiramente, recoñeceu o edil nacionalista, porque está pendente do teito de gasto que deba aplicar o Concello de Pontevedra para cumprir coa lei estatal de estabilidade presupostaria.

A grandes trazos, as principais partidas deste presuposto municipal volverán ser as de persoal (20,4 millóns de euros) e gastos correntes (29,6 millóns de euros), que experimentan pequenos aumentos. As transferencias de capital ascenderán este ano aos 4,7 millóns de euros.

O capítulo que aumenta en maior contía é o relativo aos investimentos. Fronte aos 7 millóns de euros recollidos inicialmente no presuposto deste ano, crecerá nun 54% ata alcanzar os 11 millóns de euros.

A razón fundamental, segundo Raimundo González, é que o BNG entende que facer este "esforzo inversor importante" é a mellor forma para dinamizar a economía local e facer fronte ao desemprego no municipio. Ademais sinalou que estes investimentos servirán tamén para mellorar a calidade de vida dos pontevedreses, ao incluírse proxectos que supoñerán máis equipamentos e rúas mellor preparadas.

Outra das grandes cifras deste presuposto municipal é o nivel de endebedamento do Concello de Pontevedra. A 31 de decembro de 2014, a débeda municipal ascenderá a 18.119.000 euros, o que implica unha porcentaxe do 27,59%, un nivel "moito máis baixo", dixo o edil do BNG, que a maioría das capitais de provincia do Estado español.