O Parlamento insta a Portos de Galicia a que acondicione o vial portuario de Raxó

Poio
03 de marzo 2021

O Parlamento insta á Xunta a que Portos de Galicia leve a cabo o acondicionamento e mellora urbana en superficie do vial portuario de Raxó, "que garanta a seguridade viaria dos peóns e os vehículos que transcorren por esa calzada"

Elementos instalados no porto de Raxó
Elementos instalados no porto de Raxó / Concello de Poio

O Parlamento insta á Xunta a que Portos de Galicia leve a cabo o acondicionamento e mellora urbana en superficie do vial portuario de Raxó, "que garanta a seguridade viaria dos peóns e os vehículos que transcorren por esa calzada".

O texto aprobado este martes por unanimidade na Comisión de Pesca e Marisqueo da Cámara galega engade que esta actuación levarase a cabo "previa definición consensuada" co Concello de Poio e con Portos de Galicia, desenvolvendo a redacción do proxecto acordado e o inicio dos trámites para a súa execución no ano 2021.

No texto presentado polo grupo parlamentario socialista lembran que no ano 2009 a Xunta de Galicia firmou un convenio polo que Portos de Galicia se comprometía a rehabilitar os peiraos de Raxó e Covelo, cun investimento de máis de 3 millóns de euros, na que se contemplaba, a mellora da seguridade peonil e viaria en ambas zonas.

Isto non se executou e o paseo marítimo está sen rematar, o que fai que sexa moi perigoso camiñar por un vial de 4 metros no que coinciden vehículos e peóns, producindo caídas á praia e atropelos leves, entre outros incidentes. 

A socialista Paloma Castro recordou que se actuou só en 100 metros "que non chegan nin á praia" e sinalou que nesta actuación "queda todo por facer", como as beirarrúas, o arranxo do muro de contención, a sinalización, o valado, a instalación de mobiliario urbano, o cambio do pavimento, a colocación de luminaria ou a propia actuación no peirao.

Portos de Galicia instalou recentemente uns sistemas de freado na beirarrúa que esteticamente "supón un atropelo neste entorno mariñeiro" e que, segundo Castro, "non cumpren ningunha función das que se reclamaban pola veciñanza", que era lograr unha maior seguridade viaria e un sistema de contención para evitar as caídas de vehículos á praia. "É esperpéntico", engadiu.

Desde as filas do PPdeG, o deputado Manuel Santos defendeu as obras de mellora realizadas tanto en Raxó como en Covelo nos últimos anos, o que demostra o "compromiso firme" de Portos de Galicia coa rehabilitación de todo esta contorna portuaria.

Aínda que recoñeceu que existe "certo desorde" no vial de acceso á praia de Raxó, Santos limitou os problemas a un "pequeno tramo" do paseo e sinalou que o desnivel existente " non xenera moito rocha" ao non superar os 60 centímetros de media.

Dispoñer de terreos para ampliar o vial de acceso ao porto de Raxó "é moi complicado", engadiu, que censurou o "alarmismo" creado ao redor desta actuación.

A pesar diso, os populares apoiaron a iniciativa porque "xa está comprometida" por Portos de Galicia e hai "boa sintonía" co Concello de Poio para poder executala, aínda que ve "complicado" que poida ser este ano ao non estar redactado o proxecto.

A deputada nacionalista Carmela Domínguez, pola súa banda, lamentou que este sexa un proxecto "maldito" porque procedía da época do bipartito autonómico e que, como moitos outros impulsados entón, "tardan once anos en volver a saír a luz".

"É unha de tantas promesas incumpridas polo goberno galego", censurou a parlamentaria do BNG, que afirmou que as incidencias que se rexistran nesta zona son froito do "desleixo" do executivo autonómico e "preocupan" aos residentes.

As actuacións realizadas na última década son "parches", segundo Domínguez, que non melloraron a seguridade deste vial e foron "desafortunadas", como acreditan os informes da Policía Local de Poio, entre outros organismos.