Portos de Galicia e o Concello regularán os aparcadoiros nos peiraos de Raxó, Covelo e Combarro

Poio
12 de abril 2021

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, e o Concello de Poio traballan de xeito coordinado no deseño de actuacións de mellora para os peiraos deste municipio

Reunión de Portos de Galicia e o Concello de Poio
Reunión de Portos de Galicia e o Concello de Poio / Xunta de Galicia

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, e o Concello de Poio traballan de xeito coordinado no deseño de actuacións de mellora para os peiraos deste municipio. 

Con este obxectivo a presidenta do ente público, Susana Lenguas, reuniuse este luns co alcalde Luciano Sobral e os concelleiros Chelo Besada, Marga Caldas e Gregorio Agís, nunha xuntanza de traballo na sede do organismo portuario. 

No encontro ambas partes avanzaron no acordo dun convenio regulador do tráfico rodado e os aparcadoiros nos peiraos de Raxó, Covelo e Combarro.

Tamén marcaron a liña de traballo de cara á posta en valor do porto de Raxó, para a que o ente público contará cunha asistencia técnica que desenvolverá a mellora en superficie, mentres que o Concello se ocupará das necesidades para os servizos. Deste xeito darase cumprimento ao acordo parlamentario aprobado por unanimidade para este fin. 

Finalmente, durante o encontro abordáronse ademais as alternativas posibles para a ampliación de espazos en terra destinados a deportes náuticos no porto de Combarro.