O parque de Pasarón terá canchas polideportivas, unha zona de calistenia e área para cans

Pontevedra
09 de xullo 2021

O goberno municipal xa ten listo o proxecto para a reforma do parque da rúa Luis Otero, no ámbito de Pasarón. Será, segundo o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, unha área "espectacular" que englobará zonas para todas as idades

Iván Puentes e Tino Fernández no parque de Luis Otero
Iván Puentes e Tino Fernández no parque de Luis Otero / Concello de Pontevedra

O goberno municipal xa ten listo o proxecto para a reforma do parque da rúa Luis Otero, no ámbito de Pasarón. Será, segundo o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, unha área "espectacular" que englobará zonas para todas as idades.

Así, a actuación contempla a dotación dun novo parque infantil con diferentes áreas de xogo, a instalacións de dúas canchas polideportivas e a ampliación de toda a superficie cara unha parcela lindeira situada entre a rúa Joaquín González e a avenida de Compostela.

Nesta zona, segundo consta no proxecto, habilitarase unha zona para a práctica de calistenia e un espazo específico valado perimetralmente para que os cans poidan estar soltos, que contará cunha fonte para os animais e bancos de madeira para os seus donos.

Ademais, tamén se contempla a mellora da integración do estanque na súa contorna, abríndoo polo norte, desmontando parte do dique existente, que actúa actualmente como unha barreira, e xerando dúas zonas de estancia nas beiras da auga.

As obras prevén a mellora da iluminación mediante luminarias LED, a instalación de rego automático nos xardíns ou a conexión coa contorna, facilitando o enlace cos diferentes espazos do barrio mediante camiños de acceso adaptados.

O Concello pretende executar esta actuación este mesmo ano, xa que o seu orzamento -uns 400.000 euros- foi incluído na última modificación de crédito aprobada.

O edil socialista explica que neste parque existía unha "necesidade palpable" de novas zonas de xogo y de áreas deportivas delimitadas para unha "mellor convivencia" con tránsito peonil nas beirarrúas que rodean a este equipamento.