O parque empresarial de Nantes xa ten ocupadas o 20% das parcelas dispoñibles

Sanxenxo
07 de decembro 2021

O parque empresarial de Nantes cumpre tres anos desde a súa apertura e, pese á freada que supuxo a pandemia da covid para calquera actividade económica, xa conta con 27 empresas instaladas ou tramitando as súas licenzas, o que supón 11 máis que o pasado mes de maio

Parque empresarial de Nantes
Parque empresarial de Nantes / Concello de Sanxenxo

O parque empresarial de Nantes cumpre tres anos desde a súa apertura e, pese á freada que supuxo a pandemia da covid para calquera actividade económica, xa conta con 27 empresas instaladas ou tramitando as súas licenzas, o que supón 11 máis que o pasado mes de maio.

O parque empresarial ten 261 parcelas para a actividade empresarial, das que 49 xa están ocupadas.

A maiores, o Concello dispón dunhas parcelas que suman 48.704 metros cadrados que en principio destinaranse a equipamentos públicos, entre os que destacan as novas sedes da policía local, o servizo de emerxencias e os servizos de mantemento, parques e xardíns.

Entre as empresas que xa están en funcionamento, construíndo as súas instalacións ou tramitando as súas licenzas suman unha superficie de 65.996 metros cadrados dos 351.750 metros cadrados que ten o parque para uso comercial. 

A maior satisfacción para o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, é que "o traballo que fixemos os propietarios, o persoal do Concello e o goberno para impulsar un parque empresarial que levaba 10 anos atascado, agora atrae empresas e xenera postos de traballo". 

Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo, Flavia Besada, percibe que "el parque va bien encaminado, está entrando en una dinámica positiva que genera sinergias entre unas actividades y otras".

O parque empresarial reúne polo menos seis actividades económicas distintas, pero os sectores que máis destacan por número e a superficie que ocupan son a alimentación e os materiais de construción, con seis empresas en cada un destes segmentos.

En alimentación destacan Mercadona con case 10.000 metros cadrados ocupados, séguenlle Eroski con 6.000 metros cadrados e Xesnova Global con 4.800 metros cadrados. No segmento dos materiais de construción hai empresas de carpintería de madeira, carpintería metálica, granitos e louza sanitaria.

Outro sector que destaca é o das enerxías renovables con Inelsa que, a maiores das dúas parcelas das que dispón, fixo unha alianza para a creación dunha fábrica de baterías de uso doméstico, outras actividades presentes son a loxística, un gran bazar, un tanatorio e unha gasolineira.