O parque infantil de Campolongo é de premio

Pontevedra
15 de setembro 2022

Pontevedra suma un novo premio para o seu deseño urbano. Neste caso, para unha actuación en concreto. O parque infantil de Campolongo, o máis amplo da cidade, foi recoñecido nos I Premios Parques Urbanos

Parque infantil de Campolongo Mónica Patxot

Pontevedra suma un novo premio para o seu deseño urbano.

Neste caso, para unha actuación en concreto. O parque infantil de Campolongo, o máis amplo da cidade, foi recoñecido nos I Premios Parques Urbanos, convocados polo Simposium "Urban Solutions".

Este congreso, que organiza en Vigo o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia, recoñeceu este parque como o mellor parque urbano para municipios ou entidades territoriais cunha poboación entre 50.000 a 150.000 habitantes.

Os I Premios Parques Urbanos entregaranse no marco deste simposio, que se celebrará os días 19, 20 e 21 de setembro. Buscan recoñecer o concepto, deseño, construción, verificación, uso e mantemento dos parques urbanos realizados polos profesionais do sector.

Ademais do parque de Campolongo, o xurado destes premios recoñeceu o traballo realizado en parques de Ronda (Málaga), Calp (Alacante) e Villalba de Guardo (Palencia); e en dous da propia cidade de Vigo, na rúa Jenaro de la Fuente e no novo edificio de Vialia.