O grupo provincial do Partido Popular, encabezado por Ángel Moldes e Elena Muñoz, facía este mércores un balance do goberno da Deputación durante o ano 2017. Os populares afirmaron que se sentían "decepcionados" polo traballo desenvolvido polo PSdeG-PSOE e o BNG á fronte da institución provincial.
Elena Muñoz afirmaba que Carmela Silva utilizara a presidencia como plataforma política dentro do seu propio partido e que fora derrotada coas candidaturas ás que apoiara, tanto na elección autonómica como na estatal.
"Fracasou", indicou a portavoz popular que insistiu na falta de ilusión e de proxectos con problemas para xestionar unha institución "na que non cren", dixo referíndose aos socios do goberno da Deputación. Aseguran que a presidenta provincial non escoita aos que non opinan como ela e non acepta críticas.
Os populares lamentan os pasos cara á privatización do Parque de Maquinaria, o desmantelamento do Príncipe Felipe e o "fracaso" do Plan Concellos, asegurando que desde a Deputación destínase un 75% dos investimentos aos concellos gobernados polo PSOE e o BNG.
Ángel Moldes afirmou que Carmela Silva descoñece a provincia e lamentou a "prepotencia" do goberno ao que acusou de derrubar ao goberno de Sanxenxo. Neste sentido, insistiu en que desde o goberno bipartito se insultou os alcaldes do mesmo xeito que aos integrantes da oposición provincial con expresións como "macarras ou cabuxas". Cualifican esta actitude de "sectarismo".
O portavoz do grupo provincial do PP cre que o goberno da Deputación atópase pechado ao diálogo e que mesmo entre o PSOE e o BNG existe un pacto ficticio de non agresión, que temen que se vexa afectado a medida que se acheguen as eleccións municipais. Aseguran, ademais, que non existen liñas políticas en temas tan importantes como o deporte ou o turismo. Cren que a presidenta da Deputación só fai o que marca o alcalde socialista de Vigo, Abel Caballero.
Mesmo sobre temas bandeira da Deputación neste mandato como é a compostaxe, os populares cren que o plan Revitaliza da Deputación non funciona como debería e sinalaron que, en breve, presentarán un informe con datos obxectivos sobre esta iniciativa.