Sanxenxo denuncia á Deputación por denegarlle unha subvención

Sanxenxo
25 de xaneiro 2018

O goberno local de Sanxenxo decidiu interpoñer un recurso contencioso administrativo contra a Deputación de Pontevedra, por denegarlle unha subvención e co fin de que se esclareza cal é o motivo deste rexeitamento

Inauguración da rúa Luis Rocafort
Inauguración da rúa Luis Rocafort / Deputación Provincial de Pontevedra

O goberno local de Sanxenxo decidiu interpoñer un recurso contencioso administrativo contra a Deputación de Pontevedra, por denegarlle unha subvención e co fin de que se esclareza cal é o motivo deste rexeitamento.

O pasado 24 de novembro, a Deputación comunicaba ao Concello de Sanxenxo a exclusión da convocatoria de subvención para investimentos en equipamentos e dotacións singulares na mellora do reequilibrio territorial dos servizos.

A Deputación sinala como motivo de exclusión do centro sociocultural de Vilalonga porque segundo as bases reguladoras quedan excluídos como beneficiarios os concellos que orzamentasen un importe superior a 600.000 euros na execución de infraestruturas de mobilidade por medio de convenios específicos de execución, executados, aprobados ou formalizados dentro do presente mandato.

De acordo cun informe de mobilidade datado o 26 de outubro de 2017, consta convenio co Concello para a execución do proxecto integral de mobilidade da Avenida Luis Rocafort cun orzamento de 1.650.759,28 euros.

Sanxenxo entende que este argumento non é certo en ningunha das dúas posibles interpretacións. A primeira delas, que faga referencia a que, no proxecto de reforma da Avenida Luís Rocafort, o Concello de Sanxenxo achegou unha cantidade superior a 600.000 euros. Asegura o goberno local que a achega municipal foi de 495.749,68 euros.

Engaden que se a Deputación entende que a exclusión se xustifica porque a administración provincial achegou máis de 600.000 euros no presente mandato para a reforma da devandita avenida, "tampouco é certo". Argumentan que no convenio asinado entre Sanxenxo e a Deputación detállase que as partidas coas que a institución provincial financia este proxecto corresponden aos orzamentos provinciais do ano 2014 e o ano 2015, sumando entre as dúas un total de 1.155.099 euros, pero en ningún caso foron orzados no presente mandato.

Esta subvención foi solicitada para rematar a edificación dunha construción interrompida en 2008, na que xa se investiron preto de 200.000 euros. A parcela está situada no Revel, e ten unha extensión de máis de 2.500 metros cadrados.

O orzamento de execución de obra ascende a 1.700.000 euros, e "o goberno dotará a Villalonga dun centro socio cultural local, con ou sen axuda da Deputación", sosteñen.