As obras para a construción do novo centro sociocultural en Vilalonga serán adxudicadas antes de final de ano, se se cumpren os plans do Concello de Sanxenxo.
O goberno local levará á comisión de Contas e despois ao pleno do próximo día 30 unha proposta para destinar 900.000 euros do remanente de tesourería para este proxecto, valorado en 1.555.577 euros que se completarán con cargo aos orzamentos municipais de 2019.
A construción deste edificio no Revel interrompeuse en 2008 cando estaba feita a cimentación e unha parte da estrutura, nas que se investiron preto de 300.000 euros.
Agora, se se cumpren os prazos establecidos poderá ser unha realidade ao redor de finais de 2019, debido a que contará cun prazo de execución de 12 meses.
O centro sociocultural contará cun edificio de dúas plantas que incluirá, entre outros equipamentos, un auditorio de máis de cento cincuenta butacas, ademais de aulas de formación, unha biblioteca, despachos ou cafetería. Prevese habilitar tamén na parcela ata 20 prazas de aparcadoiro.
Segundo anunciou o Concello, antes de retomar a construción convocaranse reunións coas diferentes asociacións e colectivos de Vilalonga para presentar con detalle o proxecto e recoller as súas opinións.