O Partido Popular reclama unha proba de tráfico antes de reducir a circulación en Barcelos

Pontevedra
15 de marzo 2016

O concelleiro popular César Abal sinala que os veciños que asistiron á xuntanza cos concelleiros do goberno local, Luís Bará e Carmen Fouces, amosaron a súa oposición ao proxecto ao entender que non se tiveran en conta as suxerencias. A concelleira Carmen Fouces, pola contra, indica que foi das máis fructíferas que mantiveron cos veciños

Atropelo na Praza de Barcelos
Atropelo na Praza de Barcelos

O concelleiro do Partido Popular, César Abal, que asistia durante a noite do luns 14 ao encontro entre veciños e comerciantes cos concelleiros do goberno local, Luís Bará e Carmen Fouces, manifestou este martes que os veciños se mostraran contrarios ás medidas que se van a adoptar na praza de Barcelos. Segundo expuxo, o concelleiro popular o proxecto non se atopa traballado e desde o goberno local está a improvisarse.

Abal afirmou que as suxestións realizadas previamente polos veciños non foran atendidas. Os populares apuntan que, segundo manifestou Bará, a policía local sinalaba unha única saída para a praza de Barcelos a través da Rúa do Rouco. Con todo, o concelleiro de Mobilidade indicaba aos veciños que levaría a cabo saída por Rouco e por San Antoniño con dobre sentido na parte de arriba da praza.

Ante esta situación de dúbidas sobre o resultado das decisións, desde o PP consideran que é necesario, como apuntan os veciños, levar a cabo unha proba de tráfico para comprobar se é factible. César Abal entende que o aparcadoiro en batería con dobre sentido de circulación causará colapsos na circulación.

O GOBERNO LOCAL CONSIDERA FRUTÍFERA A REUNIÓN

Carmen Fouces, concelleira de Educación, considera que a reunión foi unha das máis frutíferas porque conseguiron explicar as propostas e os veciños entendían que as medidas non ían ser "tan graves" como pensaban. Apuntou que o dobre sentido de circulación entre a baixada de Benito Corbal e a saída a San Antoniño foi unha das peticións recollidas dos veciños. Desta forma, os vehículos poden ir cara á saída da Rúa do Rouco ou para a de San Antoniño.

Segundo indicou, os comerciantes non mostraron oposición á creación dos estacionamentos de servizos para os establecementos. En relación con levar a cabo un período de proba, a concelleira apuntou que xa se falou coa xerencia do aparcadoiro para cambiar as entradas e as saídas, como estaban hai uns anos. Fouces manifestou que van atender as necesidades dos veciños e comerciantes.

Tamén está previsto soterrar o transformador eléctrico, que ata agora era imposible de acometer porque había que ocupar a zona de calzada.

Arquivado en