O paseo a Marín pola beira da ría, reiteran os socialistas, "non é boa idea"

Pontevedra
06 de marzo 2018

As inundacións que, nos últimos días, sucedéronse na autovía de Marín son unha mostra de que, segundo os socialistas de Pontevedra, o paseo peonil proxectado pola beira da ría "non é unha boa idea". Polo menos, engaden, tal e como está deseñado

O mar asolaga a autovía de Marín
O mar asolaga a autovía de Marín / Mónica Patxot

As inundacións que, nos últimos días, sucedéronse na autovía de Marín son unha mostra de que, segundo os socialistas de Pontevedra, o paseo peonil proxectado pola beira da ría "non é unha boa idea". Polo menos, engaden, tal e como está deseñado.

"O goberno municipal pode dicir o que queira que o mar di outra cousa diferente", asegura o voceiro municipal do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández, tras confirmar o goberno municipal que o proxecto continuará en marcha e limitar o sucedido ao temporal do inverno.

Os socialistas recordan que paseos marítimos similares noutros lugares de España quedaron destruídos nun só día polo efecto do temporal, polo que esixen "repensar" o proxecto.

Ademais, Fernández insiste en que a obra ten un forte impacto medioambiental, xa que nalgúns puntos será necesario pilotar o paseo sobre o mar.

"Non entendemos a contumacia do PP e do BNG en levar a cabo esta obra tan agresiva cando hai alternativas moito mellores e mais razoables", engade o voceiro socialista, para quen o "sentido común" di que o paseo debería transcorrer paralelo á estrada vella de Marín.

Os socialistas insisten en que aínda se está a tempo de parar este "erro" e entenden que o mellor sería utilizar os dous millóns e medio de euros que custará o paseo en mellorar a estrada vella e dotala dun paseo acorde coas necesidades dos veciños de Pontevedra e Marín.