O patrimonio, eixo central do posto que a Deputación instalará no Culturgal

Pontevedra
22 de outubro 2016

Así llo explicou o deputado de Cultura, Xosé Leal, nunha reunión con representantes de concellos da provincia interesados en participar na Feira das Industrias Culturais de Galicia que se celebrará en Pontevedra do 2 ao 4 de decembro

Reunión na Deputación cos concellos interesados en participar no Culturgal 2016
Reunión na Deputación cos concellos interesados en participar no Culturgal 2016 / Deputación de Pontevedra

Os concellos da provincia interesados en participar no Culturgal 2016 a través do posto que instalará alí a Deputación poden xa cursar a solicitude ante a administración provincial.

O deputado de Cultura, Xosé Leal, reuniuse este venres con representantes dos municipios interesados e comunicoulles que o posto promocionará este ano o patrimonio, tanto material como inmaterial.

"Entendemos que o Patrimonio é un campo que dá moito xogo para que todos os concellos poñan en valor os seus elementos representativos, ben a través das propias institucións, ben a través do seu tecido asociativo", explicou o deputado provincial.

O posto institucional na Feira das Industrias Culturais de Galicia, que se celebrará en Pontevedra do 2 ao 4 de decembro, acollerá información cultural dos concellos da provincia que decidan participar a través da Deputación. Por outra banda manteranse os espazos de participación a través de materiais impresos e audiovisuais e adaptarase unha zona adicada a micropresentaciones.

Leal recoñeceu ademais que esperan incrementar o número de municipios participantes, superando os 33 do ano 2015.

Na reunión ofreceuse unha lista dos elementos relacionados co patrimonio que terán cabida, na que se inclúen manuscritos, filmes, fotografías, obras de arte, monumentos ou conxuntos arqueolóxicos e arquitectónicos na parte de patrimonio material e aspectos como a lingua, costumes, música, mitos ou lendas na inmaterial.

O apoio da Deputación complétase prestando o servizo da imprenta provincial aos concellos que o soliciten.

Arquivado en