O Pazo Quintáns, a un trámite de ser declarado BIC

Sanxenxo
14 de xuño 2016

No proceso de declaración do Pazo como BIC deuse un paso importante este martes coa publicación no Boletín Oficial do Estado da resolución ditada o pasado 8 de abril pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta pola incóase expediente para a declaración

Pazo de Quintáns
Pazo de Quintáns / Concello de Sanxenxo

O Pazo de Quintáns, en Noalla, tan só está a un informe de ser declarado Ben de Interese Cultural tal e como solicitou o Concello de Sanxenxo. Trátase dun documento que deberá emitir a Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Pontevedra.

No proceso de declaración do pazo como BIC deuse un paso importante este martes coa publicación no Boletín Oficial do Estado da resolución ditada o pasado 8 de abril pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta pola que se incoa expediente para a declaración.

A publicación deste anuncio no BOE permitirá á Consellería solicitar o necesario informe da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Pontevedra, segundo establece o artigo 6 do decreto 430/1991, do 30 de decembro, e dos órganos consultivos que se define no artigo 9.3 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, que deberán ser emitidos no prazo máximo de tres meses.

O expediente busca a catalogación como Monumento do Pazo de Quintáns xa que isto supón incrementar a protección do inmoble e permitiría ao executivo local acceder a novas vías de financiamento para a rehabilitación do emblemático Pazo. 

O goberno local ten intención de rehabilitar esta edificación, cuxa estrutura presenta deficiencias debido ás dificultades que tiñan os seus antigos propietarios para atendelo debidamente e que se viron incrementadas pola falta de mantemento dos últimos anos.