O persoal da residencia de maiores de Campolongo volve protestar ante o abandono por parte da Xunta

Pontevedra
13 de marzo 2019

O comité de empresa organizaba este mércores unha concentración ante as portas do centro para reclamar un incremento de persoal e a mellora das infraestruturas, que permitan ofrecer un servizo axeitado para as persoas usuarias das instalacións

Protesta do persoal da Residencia de Maiores de Campolongo
Protesta do persoal da Residencia de Maiores de Campolongo / Mónica Patxot

O comité de empresa da residencia de maiores de Campolongo concentrábase con persoal deste centro ante as portas das instalacións situadas na avenida María Victoria Moreno coa intención de insistir nas reivindicacións que levan reclamando desde hai case dez meses. 

Carmen Buján, a presidenta do comité, afirmaba que retomaron estas protestas porque a administración da Xunta de Galicia non ofrece solucións ás carencias deste centro, que naceu como unha residencia de persoas maiores que se podían valer por se mesmas e que foi derivando a persoas dependentes. Neste sentido, denuncian a existencia dun só baño xeriátrico, insuficiente para o case medio centenar de residentes que precisan deste servizo.

Sinalan que actualmente son 24 auxiliares de enfermería, 19 camareiros limpadores, 7 ATS e dous máis de fin de semana, ademais dun médico que compatibiliza a súa actividade neste espazo xunto a outro dependente da Xunta. En todo caso, os representantes sindicais denuncian que é un número insuficiente e reclaman máis auxiliares, persoal de cociña e un médico que se dedique plenamente a esta residencia, que conta con 95 residentes.

En canto a infraestruturas, afirman que nos últimos meses, tras as súas denuncias e despois da comparecencia do anterior conselleiro de  Benestar Social no Parlamento recoñecendo o problema, modificáronse moi poucas cousas.

Agora contan cun lavalouzas novo, pero non se realizaron melloras reclamadas como a creación dunha enfermería, reforma do servizo de ascensores, tomas de aspiración, tomas de osíxeno en habitacións asistidas ou a modificación completa da terceira e cuarta planta nas que se atopan usuarios que precisan de asistencia. Ademais tamén piden melloras no departamento de cociña, nos comedores e nas salas de estar. Denuncian que a comida e as persoas falecidas utilizan o mesmo servizo de montacargas.

Alertan de que a nova conselleira Fabiola García, que substituíu a José Manuel Rey Varela no cargo, ten coñecemento destas necesidades pero non destinou un orzamento para afrontar estas demandas nin mantivo un encontro cos representantes sindicais.

Carmen Buján afirmaba que, tras a convocatoria desta concentración, recibiron unha cita para manter un encontro o día 20 de marzo coa secretaria xeral técnica da Xunta de Galicia. Se non se lles ofrece unha solución satisfactoria, aseguran que continuarán coas protestas aproveitando a campaña electoral.