Na semana da campaña electoral antes dos comicios do próximo domingo 10 de novembro, o persoal de todas as empresas do grupo Ence Enerxía e Celulosa trasládanse a Madrid para manifestarse en defensa dos postos de traballo.
Segundo informan desde Comisións Obreiras, esta marcha convócase con motivo da retirada por parte do goberno do Partido Socialista en relación á causa sobre a concesión da prórroga concedida á fábrica situada na ría de Pontevedra durante o goberno de Mariano Rajoy. Entenden que o cesamento da actividade que podería desencadear a violación supoñería un "grave pau" para o emprego directo, indirecto e inducido,tanto para a cidade como para Galicia e España. Afirman que unha parte moi importante do resultado da compañía pasteira reside na produción da factoría pontevedresa. Por este motivo, todos os traballadores de centros da entidade súmanse a esta marcha.
"Queremos deixar claro que en ENCE, se nos tocan a un, tócannos a todos, motivo polo que imos ir todos a un tempo na defensa dos postos de traballo que agora mesmo están en xogo por "caprichos" políticos", afirman desde a organización. Critican que o PSOE defenda a fábrica de Navia mentres que en Pontevedra apostan polo peche ou por un traslado que consideran unha "mentira". Sinalan que políticos que descoñecen o tema "compraron" o discurso dos socialistas locais que "venden motos" falando dese traslado.
Os organizadores lembran que están en perigo máis de 5.000 postos de traballo creando un grave problema económico e social. Por este motivo, queren visibilizar esta situación o vindeiro xoves 7 de novembro en Madrid cunha marcha a pé desde Ferraz 70, sede do PSOE, ata o Congreso dos Deputados. Ademais tamén levarán a cabo unha caravana de vehículos durante esta convocatoria.