Traballadores de ENCE defenden ante o Congreso a súa continuidade en Pontevedra

Pontevedra
07 de novembro 2019

Entre berros de "Ence si, Sánchez non!" ou "Sánchez escoita, Ence está en loita!", os manifestantes fixéronse oír con petardos e bucinas polas rúas de Madrid ata chegar ao Congreso, onde chegaron pouco antes das tres da tarde

Manifestación dos traballadores de Ence en Madrid
Manifestación dos traballadores de Ence en Madrid / Comité de empresa de ENCE

A loita pola continuidade de Ence en Pontevedra chegou a Madrid. Unhas seiscentas persoas, entre traballadores da compañía pasteira, empresas auxiliares e transportistas, manifestáronse este xoves desde a sede do PSOE ata o Congreso dos Deputados para rexeitar o peche ou o traslado da fábrica de Lourizán.

Foi o colofón a unha marcha que comezara horas antes coa saída de centenares de camións e vehículos lixeiros desde Bergonte (Lugo), Pontevedra ou Asturias.

Entre berros de "Ence si, Sánchez non!" ou "Sánchez escoita, Ence está en loita!", os manifestantes fixéronse oír con petardos e bucinas polas rúas de Madrid ata chegar ao Congreso, onde chegaron pouco antes das tres da tarde.

Fronte ao Congreso, a presidenta do comité de empresa das oficinas de Ence en Pontevedra, Ana Cedeira, criticou que un posible traslado "non é posible" porque, asegura, "demostrouse tecnicamente".

A fábrica, segundo a delegada sindical, necesita unha serie de condicións técnicas que "só se dan na súa localización actual e que non existen noutra parte de Galicia", polo que lamenta que abandonar a súa actual situación sería "condenarnos ao peche".

Os traballadores reiteraron, a través da intervención de Ana Cedeira, que a fábrica de Pontevedra é "modélica ambientalmente, sustentable, eficiente e rendible" e ademais, engadiu, cumpre "escrupulosamente" as esixencias ambientais.

"Xa abonda, cos nosos postos de traballo e co pan dos nosos fillos non se xoga", reclamou a portavoz dos traballadores, que lamentou que os seus postos de traballo estean "en risco" debido a unha " sarta de mentiras sen base algunha".

"Non imos deixar que nos pechen e menos que nos trasladen porque volvo repetir, non é viable", reiterou.

Esta protesta celebrouse pola decisión do Goberno de Pedro Sánchez de non defender ante a Audiencia Nacional a prórroga da actividade da fábrica de Ence en Pontevedra, concedida en 2016 polo executivo de Mariano Rajoy en funcións, ao entender a Avogacía do Estado que non foi "conforme a dereito".

Arquivado en